CRTVG

Buscar

Davos comeza cun tirón de orellas ás empresas "por esquecer que son un organismo social"

Publicado o 21/01/2020 09:45

Tras rematar a reunión do Consello de Ministros, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acode ao Foro de Davos. O encontro reúne case 3.000 participantes de 118 países e 53 xefes de Estado e de Goberno para tomarlle xuntos o pulso á economía mundial.

O seu fundador pon o foco este ano na loita contra o cambio climático e contra a desigualdade, e demanda das empresas máis responsabilidade social.

Nesta paraxe, exclusiva e remota, unha pequena cidade que ten sona de ser a máis elevada dos Alpes, grandes directivos empresariais, líderes políticos e tamén filántropos e importantes académicos tómalle o pulso desde hai 50 anos ao modelo de desenvolvemento económico.

Klaus Schawb, o fundador do foro, destaca a importancia de que todos establezan un diálogo e apela á necesidade de dispor os ouvidos a escoitar. El mesmo foi o encargado de inaugurar a pasada noite unha nova edición e deixar unha das frases máis comentadas: "O capitalismo esqueceu que unha empresa é un organismo social, non só un ente con ánimo de lucro", dixo.

O foro comeza este ano coa expectativa de conectar o capital co mundo real, e apelar a un modelo económico integrador e sostible, que respecte os dereitos humanos dos traballadores.

Respondeulle a presidenta da Comisión Europea, de acordo con procurar un sistema económico máis xusto e sostible: "Durante moito tempo a humanidade quitou recursos do medio ambiente e, a cambio, produciu residuos e contaminación. Creo que coma ti, que podemos conciliar a nosa economía co noso planeta, podemos conciliar o desenvolvemento humano coa protección da nosa casa. Pero só podemos facelo xuntos", advertiu Úrsula Von der Leyen.

Apelacións ao multilateralismo nun foro que se desenvolve no medio de certo pesimismo pola economía, que medrará, pero a menor ritmo do previsto, segundo informaba onte a nova presidenta do FMI.

Davos pretende impulsar un cambio de valores, que pase polo axuste da remuneración dos directivos. Saíu para alí Trump, considerado o principal antagonista da filosofía deste foro. Cadrará nos corredores coa activista climática Greta Thunberg.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020