CRTVG

Buscar

David Vázquez será o novo copiloto de Iván Ares

Publicado o 05/02/2019 21:36

Cando falta mes e medio para o inicio do Campionato de España de Rallys de Asfalto, coñecemos unha das grandes novidades da temporada. Iván Ares cambia de copiloto. Hoxe asistimos ao traspaso de notas.

Durante oito anos, José Antonio Pintor acompañou a Ivan Ares. A partir de agora, cada vez que Ares mire á súa dereita verá o estradense David Vázquez. 

Iván Ares, subcampión de España de rallys de asfalto: "Só espero poderme acoplar rapidamente ao novo copiloto, que me dea as mesmas sensacións que Pintor: confianza, ganas de correr e sentirme a gusto dentro do coche". 

José Antonio Pintor, subcampión de España de rallys de asfalto: "Isto implica moitísimos días e non estás centrado nin nos rallys nin no traballo. Este ano teño que parar ao meu pesar, pero é o que hai".

Este é o momento do traspaso de notas. David Vázquez gañou os tres últimos campionatos galegos con Alberto Meira e Víctor Senra. É un dos copilotos máis experimentados do circuíto. 

Iván Ares, subcampión de España de rallys de asfalto: "É un copiloto con moitísima experiencia, tanto no Nacional como no Galego, e con moitos títulos. É un piloto moi próximo a nós, da Estrada. Cremos que é a mellor opción".

David Vázquez, campión de Galicia de rallys: "O único que tiven que ver é que non se pisasen moitas probas poque teño o compromiso con Víctor Senra de facer o campionato galego. Non quero deixar tirado a Víctor porque levo con el desde 2005. Somos moi amigos e hai unha relación de moita amizade, a mesma que teñen Pintor e Iván".

Dentro dun mes, Ares-Pintor despediranse momentaneamente no Rally da Coruña. A finais de marzo comezará en Córdoba o campionato de España co novo tándem dentro do Hyundai: Ares-Vázquez.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/02/2019