CRTVG

Buscar

David, un gandeiro de só 21 anos nos Ancares

Publicado o 20/10/2020 21:10

Labores de toda a vida como estrar as cortes dos xatos e outras de última xeración como colocar localizadores dixitais no pescozo das vacas. Esa mestura de tradición e innovación é a característica da granxa de vacas de carne de David Pérez. Con só 21 anos, xa leva dous á fronte da explotación familiar. Malia atoparse a case dúas horas de Lugo e a 1.200 metros de altitude, o rapaz ten claro que se pode levar unha vida plena na linde entre os Ancares e León e por eso decidiu quedar no campo.

"Dende pequeno sempre me gustaron as vacas. Non sei se me xubilarei aquí, pero teño claro que quero gozar desta experiencia e por iso estou á fronte da explotación", asegura.

David fai todo o posible para que as vacas lle deixen tempo libre para poder xuntarse cos poucos mozos que viven nesta zona. Tamén fai algunha escapada ata Lugo ou Navia e tenta gozar da xuventude sen desatender o gando. Considera que as novas tecnoloxías e a maquinaria agrícola son ferramentas fundamentais para que a xente nova coma el decida e, sobre todo, poida quedar a vivir e traballar no rural.

"Antes nas granxas todo era traballar e traballar. Agora temos ferramentas que nos permiten poder ter tempo para nós, como o de ter as vacas fóra. Se só traballas, non vives", di David.

A súa granxa mestura vacas de razas asturiana e limusín, que son as que mellor se adaptan a este clima e terreo.

Noticias web

20/10/2020