CRTVG

Buscar

Falecen tres persoas por coronavirus con Galicia por riba dos mil contaxios

Publicado o 07/08/2021 20:14

• Son 309 os pacientes hospitalizados, cun ingreso máis nas UCI en 24 horas | As persoas falecidas aumentan a 2.492 tras notificar o Sergas tres novos mortos por covid

Segunda xornada cun descenso notable nos casos activos que caen en 453 con datos das 18 horas do venres e sitúanse en 17.742 persoas coa infección por coronavirus, fronte a 18.195 unha xornada antes. A quinta vaga segue a deixar mais de mil positivos diarios con 1.008 nas últimas 24 horas, dez menos que o día previo.

Do total de pacientes positivos, 54 están ingresados en terapia intensiva nas UCI galegas, un máis que o venres, e hai 255 enfermos de covid en habitacións illadas nos hospitais, sen variación respecto do día anterior.

Son 17.433 as persoas confinadas nos seus domicilios  por infección ou como medida preventiva, a maioría deles asintomáticos. A incidencia acumulada segue a baixar en Galicia e en toda España, pero aqui segue por riba da media estatal con 626 casos por cen mil habitantes a 14 días, fronte a 615 do conxunto de comunidades.

A xornada deixa como cifra tráxica o falecemento de tres persoas mais por coronavirus co que os mortos pola enfermidade durante a pandemia en Galicia aumentan a 2.492.  Os mortos nas últimas 24 horas son un home de 95 anos e unha muller de 87 ingresados no Hospital de Verín  outro home de 91 anos no Hospital Provincial de Pontevedra.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas por covid seguen a ter lixeiros incrementos na Coruña e en Vigo, mentres descenden no resto das zonas. 

A Coruña : 4.526

Ferrol : 1.054

Lugo : 2.114

Ourense : 1.401

Pontevedra : 2.331

Santiago : 1.999

Vigo : 4.317