CRTVG

Buscar

Unha mestra da Estrada opta a se converter na mellor docente de España

Publicado o 22/08/2021 15:42

Todos temos algo que achegar para cambiar o mundo, non hai estudantes malos. Isto é o que propugna esta docente do colexio de primaria Villar Paramá de Vea, na Estrada, que acaba de coñecer o seu nomeamento para participar na elección a mellor docente de España. A atención das emocións dos nenos é a clave do seu maxisterio.

"Atender os nenos emocionalmente -afirma Laura Vázquez- non é perder o tempo en contidos da clase, como ás veces se cre, é gañar tempo. Porque se un neno se sente ben nunha clase, contigo, xérase motivación e a motivación leva á aprendizaxe".

Para esta docente resulta fundamental observar as motivacións dos alumnos, tratalos con respecto e infundirlles confianza. Aposta por nenos que participen nas clases coas súas ideas e propostas, fomentando unha autoestima positiva. E ten moi claro que non hai xeracións máis intelixentes que outras.

"Os alumnos sempre son bos en calquera xeración, pero as circunstancias de cada xeración son diferentes. So hai que tentar achegarse a esas circunstancias", asegura.

A elección do mellor docente saberase dentro duns meses. Mentres, para esta admiradora do divulgador Eduard Punset, o mellor premio é o recoñecemento dos seus alumnos.

Noticias web

22/08/2021