CRTVG

Buscar

Darias ofrécelles ás comunidades autónomas unha desescalada bilateral

Publicado o 30/04/2020 18:23

Cun minuto de silencio arrincou a Comisión das Autonomías do Senado. Por forza maior, non había representantes dos dous arquipélagos. A Generalitat de Cataluña non quixo acudir. O resto enviaron conselleiros, agás catro presidentes populares e un socialista. A ministra Carolina Darias cre que o estado autonómico resistiu ben, aínda que con marxe de mellora, o embate da pandemia, aplaudiu a xestión de todos os gobernos á marxe da súa cor e apelou ao consenso.

Carolina Darias, ministra de Política Territorial, dixo que "sei que hai moito ruído, pero entre ese ruído teñen que saír voces, voces que digan que o acordo e o consenso están por riba do ruído, aínda que ás veces non se oia"

As comunidades socialistas reclamaron unidade de acción na desescalada. As demais queixáronse da ausencia de axuda material e de diálogo.

Miguel Ángel Revilla, presidente de Cantabria, asegura que "os presidentes, nesta conxuntura, pintamos cero"

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, engade que "nós, durante todo este tempo, fomos unha comunidade que estivo soa en todas as xestións fronte á COVID. Case non tivemos material"

Galicia engadía unha petición da lealdade mutua.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, dixo que "estivemos de acordo con algunhas das medidas que se tomaron, en desacordo parcial con outras e totalmente en desacordo con outras. E actuamos con lealdade, a mesma lealdade que temos que pedir desde Galicia"

Reclamacións todas das que o Goberno di que toma nota.

Noticias web

30/04/2020