CRTVG

Buscar

Darias confirma que haberá unha terceira dose da vacina contra a covid−19

Publicado o 23/07/2021 17:22

Haberá terceira dose da vacina contra a covid−19, o que non se sabe agora é cando. Iso está por decidir. É o que dixo este venres a ministra de Sanidade. E algo máis: todo parece indicar que nos teremos que vacinar cada ano.

Carolina Darias mantén o obxectivo de ter inmunizado o 70 % da poboación a finais de agosto malia a escaseza de doses que denuncian varias comunidades autónomas, obrigadas a diminuír o ritmo de vacinación. Seguen sendo necesarias máis doses agora, e no futuro. 

En declaracións en Onda Cero, Darias asegurou que hai que seguir vacinando "ata o 100 por cen ou estar preto e seguir vacinando o resto da humanidade, porque ninguén estará seguro" se non se fai. "O virus ten unha maneira de vivir, que é mutando", advertiu.

"España da man da UE subscribiu novos contratos para os anos 2022 e 2023; levamos máis de 4.000 millóns investidos en vacinas, pero é o mellor investimento porque permitirá salvar vidas, e cando cheguemos ao 70 % hai que seguir traballando", explicou.

Ao ser preguntada sobre se deberemos vacinarnos cada ano e se será necesaria unha terceira dose, Darias asegurou que "todo parece apuntar a que si".

En concreto, explicou: "Da man da UE e das persoas expertas que asesoran á Comisión xa subscribimos contratos con Pfizer de 1.800 millóns para o 22 e 23, a terceira dose, e con Moderna duns 480 millóns" para eses anos. "Si" haberá terceira dose, dixo  Darias, "pero haberá que determinar cando".

Noticias web

23/07/2021