CRTVG

Buscar

Darias censura que algunhas comunidades usen o pasaporte covid sen base legal

Publicado o 30/08/2021 11:11
Darias censura que algunhas comunidades usen o pasaporte covid sen base legal

EFE

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalou este luns que hai "algunhas" comunidades autónomas que pretenderon "ir máis alá" nas restricións contra o covid-19 do que, segundo explica, permite a normativa.   

Nunha entrevista na cadena COPE Canarias, recollida por Europa Press, Darias expresou que hai comunidades autónomas que se "anticipararon nalgunhas cousas" e considera que, respecto ao pasaporte covid, tentaron "establecer outros usos" que non ten base legal polo que non contaron co apoio dos tribunais. 

Darias explicou que o pasaporte covid ten como finalidade "garantir unha mobilidade europea segura" e non outros usos que tentaron darlle outras comunidades autónomas que non contaron cun aval legal por parte dos tribunais superiores. "A nosa prioridade é vacinar ao máximo posible para non establecer un uso que non sexa acorde á normativa aplicable", apostilou. 

Ao preguntarlle por se deberían ser as comunidades autónomas as que aproben as normas contra o covid ou se sería necesario ter un paraugas nacional para que os tribunais non teñan problemas á hora de establecer medidas, Darias defendeu que, ao seu xuízo, a lei nacional "funciona".

Pendentes da terceira dose

Á espera de ensaios clínicos sobre a posibilidade de inxectar unha terceira dose da vacina, Darias entende que será unha "decisión" do Consello Interterritorial, aínda que asegurou que estarán "pendentes" das evidencias científicas e a posición da Axencia Europea do Medicamento. Para a titular de Sanidade, agora "toca seguir" vacinando coas primeiras e segundas doses para conseguir a máxima cobertura que, segundo sinala, esta semana alcanzará "un novo fito" dun 70 por cento da poboación con pauta completa.   

Por último, Darias celebrou a "cultura de vacinación" que hai en España e cre que os negacionistas son "unha minoría" en comparación con outros países. "As cifras fannos ser referente mundial", destacou, aínda que avisou que non hai que "baixar a garda" ante as novas variantes do virus.

Noticias web

30/08/2021