CRTVG

Buscar

O Goberno prepara medidas para evitar unha cuarta onda pola Semana Santa

Publicado o 24/02/2021 19:33

• O Ministerio desaconsella as manifestacións no Día da Muller 

• Darias: "A Lei de saúde de Galicia podería afectar dereitos fundamentais"

• Só Madrid, Euskadi, Ceuta e Melilla continúan en risco extremo

 

 

 

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas traballan nunha batería de medidas para evitar, como ocorreu anteriormente con outras datas sinaladas como o Nadal, que a Semana Santa poña en perigo o descenso da incidencia e propicie unha nova vaga.

Desde a semana pasada, a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) traballa na elaboración dun documento de medidas que se adoptarán "de maneira compartida" para consolidar a caída dos contaxios que España encadea desde hai días, segundo desvelou este mércores a ministra de Sanidade Carolina Darias.

Tanto o Goberno como os conselleiros teñen "especial sensibilidade" en evitar custe o que custe que se volva repetir "un incremento non desexado" da incidencia tras "un período en que se relaxan en exceso as medidas" e que, polas características das datas, aparella unha maior mobilidade e contactos sociais.

De feito, o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, admitiu que a desescalada do verán foi demasiado rápida e considerou que iso é unha lección para que todo o mundo asuma como propio o reto de evitar a cuarta vaga. Por iso, as dúas administracións están "a traballar de maneira coordinada" co obxectivo de levar proximamente ao CISNS un documento "de actuacións compartidas" para que os cidadáns saiban, "semanas antes da Semana Santa, que se pode facer e que non", subliñou a ministra.

Darias: "Non proceden" as manifestacións no 8-M

A ministra de Sanidade Carolina Darias asegurou este mércores que "non proceden" as manifestacións do Día da Muller debido á situación epidémica de España "por coherencia" coa chamada á responsabilidade para que os contaxios da covid-19 continúen en descenso.

Para "seguirmos coa cultura de coidado e prevención", a situación actual non permitiría levar a cabo os actos para conmemorar o Día da Muller, indicou Darias na conferencia de prensa posterior a unha reunión coas autoridades sanitarias autonómicas.

Con todo, a Delegación do Goberno español en Madrid autorizou "algunhas" peticións de organizacións feministas para manifestárense con menos de 500 persoas, o cal xerou polémica. "As que recibimos ata o de agora non se prohibiron porque manteñen os parámetros esixibles nesta situación de pandemia" respecto ás medidas de seguridade, "e tamén, o máis importante, son manifestacións de menos de 500 persoas", argumentou o delegado do Goberno central en Madrid José Manuel Franco.

Pola contra, o alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida, apurou a pedir que non haxa manifestacións. En calquera caso, non haberá unha concentración multitudinaria como a do 8 de marzo de hai un ano, considerada pola oposición de dereitas un gran foco de transmisión do virus en España en vésperas de que estalase a epidemia, do cal responsabilizou o Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez. Franco dixo que "non se arrepinte" de autorizala porque "non había ningún motivo obxectivo" para prohibila e facelo sería "prevaricar". 

Só Madrid, Euskadi, Ceuta e Melilla continúan en risco extremo

Un día máis, a propagación do coronavirus seguiu o seu camiño descendente e a incidencia acumulada en 14 días por cada 100.000 habitantes caeu a 218,6; só Madrid, Euskadi, Ceuta e Melilla se manteñen en risco extremo ao superaren os 250 casos por cada 100.000 habitantes.

O Ministerio de Sanidade notificou ademais unha nova redución da presión nas UCI ata o 30,5 %, un punto menos que onte, mentres que a porcentaxe de camas ordinarias ocupadas por pacientes de covid−19 é do 10,67 %.

A serie histórica engadiu outras 389 mortes, e así a cifra total elévase a 68.468. Estes datos indican que "estamos no camiño pero non nos podemos confiar, non podemos baixar a garda porque aínda queda moito por percorrer", segundo insistiu Darias, que volveu facer un chamamento "á prudencia, á responsabilidade e ao sentido común porque sabemos das experiencias pasadas".

"Está nas nosas mans que este camiño de descenso vaia a unha incidencia por baixo de 50", polo tanto "temos que perseverar na toma de medidas restritivas", especialmente de "aquelas que sabemos que son efectivas", incidiu. Tanto insistiu no seu chamamento á "cultura da prevención", que desaconsellou, "por coherencia", as manifestacións do 8M: "Non procede, dígoo sen ningún rodeo, e creo que estou a ser clara e diáfana", resolveu.

Por iso Darias reiterou ás comunidades a importancia de faceren unha desescalada "o máis gradual posible" e coa maior das prudencias: "Sabemos as consecuencias que trouxeron as desescaladas anteriores de maneira abrupta". Nalgunhas comunidades autónomas como Euskadi ou Cataluña ese descenso está a retardarse, "mesmo chegando a unha zona val"; de feito, ambas as autonomías "están a ser obxecto de estudo" e de monitoraxe constante por se puidese haber un cambio de tendencia.

Tampouco se pode esquecer a irrupción de catro novas variantes, dúas delas xa presentes en España, que se suman á británica, surafricana e brasileira, cuxo posible escape inmunitario se está analizando, todo o cal obriga a extremar a precaución para esquivar a cuarta onda.

A esperanza segue estando na vacina: o número de doses administrados á poboación supera os 3,2 millóns (3.284.678), o 72 % das recibidas, e con iso xa supera o de contaxios (3.170.644).

Darias fixo un recoñecemento ao esforzo de todas as comunidades asutónomas no ritmo de vacinación e comentou que traballan con todas elas para organizar os "plans operativos" fronte ao incremento de vacinas no mes abril. Con iso rexeitou que se estea producindo unha freada na inmunización: "Non observamos unha baixada do ritmo, antes ao contrario", afirmou.

O Goberno executou xa a compra de 136 millóns de doses da vacinas contra a covid−19 procedentes de cinco farmacéuticas: Pfizer, AstraZeneca, Moderna, Janssen e Curevac, segundo anunciou esta mañá o presidente, que reiterou o "ambicioso" obxectivo de ter vacinado o 70 % da poboación antes de que acabe o verán. 

De momento, o que aprobou hoxe o Consello é que os desprazados sexan atendidos na comunidade en que estean a residir. E tamén a actualización, dez anos despois da última, da Estratexia en Cancro, en que participaron comunidades autónomas, sociedades científicas, asociacións de pacientes e o Instituto de Saúde Carlos III.

O documento trata aspectos clave como a prevención mediante estilo de vida saudable, o diagnóstico precoz, a progresiva extensión do modelo de atención multidisciplinario, os avances na medicina de precisión e os retos de atención psicolóxica e avaliación das necesidades dos pacientes que sobreviviron ao cancro. 

Darias: "A lei galega de saúde podería afectar dereitos fundamentais"

A ministra Carolina Darias sinalou que a norma galega que multa a "negativa inxustificada" a vacinarse "podería supoñer unha limitación dos dereitos fundamentais", aínda que pediu "prudencia" á espera dos informes xurídicos.

A ministra subliñou que "está por dilucidar" se o contido da norma é materia de lei orgánica ou ordinaria. De afectar a un dereito fundamental, sería materia de lei orgánica e non podería ser regulado por un Parlamento autonómico.

Noticias web

24/02/2021