CRTVG

Buscar

Danlle unha malleira a un veciño de Lugo por defender un amigo con discapacidade

Publicado o 13/09/2021 13:50

José Manuel, veciño do barrio lugués da Milagrosa, amosa os hematomas que lle causou a brutal agresión que sufriu nunha terraza da rúa Mallorca. Cando estaba a tomar algo cun amigo con diversidade funcional, dous irmáns comezaron a increpalo e a pegarlle. Daquela quixo mediar para que parasen, pero os agresores déronlle unha brutal malleira.

José Manuel Gómez Simón, vítima da agresión: "Entre risas e risas, levantouse o tipo e empezou a darlle patadas e puñadas e a tiralo ao chan. E niso levantámonos para separar e mediar para que non lle pegaran, e o que lle estaba pegando sacou a camiseta e xa se abalanzou sobre min e trataron de separalo. Eu funme para o final, onde había unha mesa cuns señores maiores, que case tiran con eles tamén, e el colleu unha botella de cervexa, rebentouma no nariz e deume unha puñada, e nese momento xa vin que sangraba". 

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Empezaron a agredir a este rapaz, que foi inmediatamente auxiliado polos seus acompañantes, un home e unha rapaza, e continuaron as agresións, sobre todo sobre este home, que acabou cunhas lesións graves no nariz, con rotura dos ósos, e un corte".

Como consecuencia destes feitos, a policía identificou os presuntos agresores e prendeu un deles. Pola súa parte, a vítima acabou cunha fractura do tabique nasal, polo que tivo que ser atendida no HULA.

José Manuel Gómez Simón, vítima da agresión: "Fun e quedei ingresado xa. Como había rotura, estiven en observación bastante tempo e fixéronme bastantes probas. Ao día seguinte, á tarde, mandáronme á casa, para volver o luns e recompoñerme o nariz, porque estaba todo inchado e non podían recompoñermo nese momento".

O detido, que foi posto en liberdade con cargos, xa tiña numerosos antecedentes por feitos violentos. Dáse a circunstancia de que é irmán de dous dos condenados polo acoitelamento a varios mozos nun pub da céntrica rúa Falcón.

Noticias web

13/09/2021