Daniel González (IGADI): "A pandemia someteu a economía mundial a un estrés nunca visto desde a II Guerra Mundial"
Un ano máis, o IGADI, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, saca o seu informe anual. Daniel González Palau é o seu director. Levan varios meses traballando neste Igadi Annual Report 2019-2020.
González valora a organización dos contidos cando comezaron o traballo: "Nese momento o que mirabamos era unha desescalada comercial entre os Estados Unidos e A China que, diante do ano electoral estadounidense, anunciaran unha tregua na loita arancelaria. A emerxencia da COVID-19 puxo todo isto en suspenso e levou a unha maior agonía social internacional. Iso cambiou completamente o noso anuario".
"Ao longo do anuario atopámonos moito cunha interrogante: pode a COVID-19 mudar o mundo e a humanidade? Desde a nosa posición isto non é unha guerra. É máis unha catástrofe natural. Pero é certo que o impacto sobre a economía se asemella ao dunha guerra".
"Tamén imos ver ata onde nos leva esta crise, desde piratería entre estados á hora de roubar material sanitario até as acusacións, por exemplo entre os EUA e A China, sobre onde está a orixe do virus e con que intencionalidades".
Sobre Greta Thunberg
"Pensamos que a presenza do ecoloxismo, da nova axenda feminista, a crise das persoas migrantes e refuxiadas son os eixos sobre os que se está construíndo unha cidadanía global. Froito desa nova conciencia aparecen estas novas tensións".
Boris Johnson
"A verdade é que ten unha biografía moi particular, moi cinéfila. Sempre foi unha persoa no fío da navalla. O ano pasado acabou levando ao seu rego as discusións arredor do brexit e acabou converténdose en primeiro ministro británico. Agora protagonizou unha errática xestión na pandemia que o deixou nunha situación complicada. Veremos se é capaz de recompoñer o seu liderado".