CRTVG

Buscar

Dan positivo en covid-19 once militares da Brilat en Pontevedra

Publicado o 10/09/2020 17:09

Polo menos 22 militares da Brigada Galicia VII ( Brilat) deron positivo por coronavirus, segundo confirmaron fontes oficiais da base de Figueirido (Pontevedra), onde se rexistraron once destes casos. Os outros once, sinalan as mesmas fontes, detectáronse nas bases que esta brigada ten en Siero (Asturias) e Valladolid. 

Como consecuencia destes positivos, actualmente están illados e en corentena 80 militares, 60 deles na base de Pontevedra. Os primeiros positivos xurdiron fai quince días, pero uno dos gromos máis significativos detectouse o pasado 1 de setembro con seis positivos dentro do mesmo "grupo burbulla". 

A creación destas burbullas de traballo foi unha das medidas impostas pola Brilat para reducir o risco de contaxios. Desta forma, grupos de dez militares participan sempre xuntos en todas as actividades de instrución e adestramento e establécense horarios para que non coincidan con outros grupos. 

Dentro das instalacións de Pontevedra estes grupos fan xuntos todo o seu día a día e, se se detecta un positivo, inmediatamente íllase aos seus membros e actívase o rastrexo para analizar os contactos estreitos ou esporádicos dentro do ámbito desa burbulla. En todo caso, desde a Brilat fan un chamamento á tranquilidade xa que consideran que, ante o volume de persoal que teñen na base pontevedresa, o número de positivos por COVID-19 é "pouco significativo". Ademais, aseguran que todos os casos están localizados e o 90 % deles está asintomáticos ou con síntomas leves. 

"Nun grupo tan grande é inevitable que suceda", apuntan desde a base de Pontevedra, apelando á "responsabilidade persoal" dos seus militares cando abandonan as súas instalacións, xa que "todos teñen os seus compromisos familiares, citas e reunións", polo que entenden que "ter seguridade completa é imposible". Con respecto ás manobras da OTAN en Zaragoza, nas que ten previsto participar a Brilat a partir do 14 e 15 de setembro, desde a brigada aseguran que a día de hoxe manteñen a súa asistencia "aínda que igual vai menos persoal do previsto". Todo dependerá, engaden, da evolución dos próximos días.