CRTVG

Buscar

Dan positivo en alcol un condutor e o taxista que foi recollelo

Publicado o 17/11/2020 14:54

A Garda Civil de Tráfico denunciou un condutor e tamén o taxista que acudiu recollelo. Os dous deron positivo no control de alcolemia que estaban realizando os axentes na estrada AC-305, en Padrón.

A patrulla da Garda Civil interceptou un vehículo que circulaba por esa estrada e procedeu a realizarlle as probas de alcolemia ao condutor, un veciño de Boiro. Ao dar positivo, os axentes inmobilizaron o coche e o condutor chamou un taxi para que o fose recoller.

Os axentes desconfiaron cando viron que o taxista mostraba síntomas manifestos de estar baixo a influencia do alcol, como así quedou demostrada. Ao sometelo á proba, esta deu un valor de 0,46 miligramos de alcol por litro de aire, é dicir, triplicaba o límite legal establecido para os condutores profesionais.

Tamén neste caso inmobilizaron o taxi, e houbo que chamar a un terceiro condutor que fose recoller os dous infractores. Este deu, por fin, negativo, nas probas que tamén lle realizaron.

Máis sobre Padrón