CRTVG

Buscar

Dá positivo un brigadista da Lourenzá e tanto el como cinco compañeiros permanecen illados

Publicado o 02/09/2020 20:11
Dá positivo un brigadista da Lourenzá e tanto el como cinco compañeiros permanecen illados

Un brigadista do servizo contra incendios forestais da localidade luguesa da Lourenzá deu positivo na covid-19, segundo confirman fontes da Consellería de Medio Rural. O sindicato CSIF apuntou a existencia de persoal illado tanto en Lugo como na Coruña. Medio Rural só confirma en seis os afectados, o positivo da Lourenzá e outro cinco compañeiros. Todos eles atópanse nas súas casas, pero á consellería non lle consta "ningún" caso na provincia coruñesa. 

"A primeira sospeita sobre este posible caso tívose o pasado luns e xa entón, de maneira preventiva e seguindo os protocolos sanitarios establecidos, procedeuse a separar esta persona e a enviar a todos os integrantes da brigada (incluído el) aos seus domicilios", explica o departamento da Xunta.

Este martes, segundo o relato de Medio Rural, fíxoselle a proba e este mércores coñeceuse o resultado positivo, "polo que se decidiu manter todos os membros da brigada nas súas casas ata nova orde, en función do que establezan os seus médicos de cabeceira". En canto ao distrito XVII (O Condado-A Paradanta), onde se detectou estes días un caso positivo (na Cañiza), a incorporación "progresiva" do seu persoal "farase atendendo tamén a criterios sanitarios", destaca a consellería.

No caso dos diferentes distritos da provincia da Coruña, o departamento que dirixe José González asegura non ter constancia de "ningún positivo". Pola súa banda, reivindica a aplicación "dunha ducia de protocolos rigorosos para evitar contaxios" neste servizo, que son públicos pois se poden consultar na web da consellería.