CRTVG

Buscar

Dá case o triplo do alcol permitido despois de provocar un accidente en Rianxo

Publicado o 26/12/2019 13:34

Deu case o triplo da taxa máxima de alcol permitida. Provocou un accidente e fuxiu do lugar. De pouco lle serviu escapar porque o colleu a Policía Local de Rianxo. Agora enfrontarase a un delito contra a seguridade viaria e abandono do lugar do accidente.

O home chocou por alcance con outro vehículo que circulaba en dirección a Padrón, preto da saída de Catoira e Vilagarcía, na autovía do Barbanza. Despois, o condutor que provocou o accidente fuxiu para que non o identificasen. O coche co que bateu quedou no sitio danado na parte traseira. Un dos dous ocupantes estaba ferido.

"Os vehículos tiñan danos, non eran moi grandes, pero si que estaban bastante danados. No vehículo prexudicado un dos ocupantes, ían pai e fillo, pois o fillo quedou ferido e tipo que ser atendido por persoal o 061", di José Ramón Rial, voceiro da Policía Local de Rianxo. 

A Policía Local de Rianxo desprazouse ao lugar do accidente. A patrulla de servizo puxo en marcha o protocolo establecido para este tipo de situacións, logrando localizar o autor do accidente a quilómetro e medio do lugar dos feitos. O fuxido saíu cara a Catoira, pero colleu esta estrada que vai a Bexo. Os axentes deron co presunto delincuente. Estaba agochado dentro do coche nunha pista forestal tentando ocultar o vehículo que estaba danado e non funcionaba.

"O home deu positivo na proba de alcolemia. O condutor cando foi localizado practicóuselle tanto a proba de alcolemia como o test de drogas. Na de drogas deu negativo, e na de alcolemia deu un resultado que case triplicaba a taxa máxima permitida", explican desde a policía.

Ao parecer, viña dun xantar de empresa. A Garda Civil de Tráfico leva o caso e tramitou unha denuncia contra este home por dous delitos, un contra a seguridade viaria e outro de abandono do lugar do accidente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/12/2019