Curtocircuíto homenaxea o equipo de Cinema Lupa e a Euloxio R. Ruibal
44 anos pasaron xa desde estas imaxes. O emblemático edificio modernista compostelán sobre o que xiraba o ir e vir da cidade, as instalacións da empresa Castromil, foi derrubado para construír un estacionamento soterrado. Así o filmou o equipo Lupa.
"Procuramos filmar todo o edificio tanto polo exterior como polo interior para que quedase testemuño e logo filmamos tamén a demolición, que foi moi lenta, moi lenta, e eu creo que o fixeron adrede para que a ferida que había na xente de Compostela sangrase máis naquela lenta agonía", conta Euloxio R. Ruibal.
Euloxio R. Ruibal, Félix Casado e todo o equipo Lupa deixaron gravadas esas datas e tamén outros días sinalados no calendario da etnografía galega como a Romaría do Corpiño, a Rapa das Bestas ou o Entroido de Laza. Así nolo contaba Euloxio á TVG a principios dos anos 90:
"O equipo de cinema Lupa que formamos un grupo de amigos hai uns 15 anos realizou unhas curtas de diferente temática, contido e feitío, todas elas en pequeno formato. Traballabamos os días festivos e as fins de semana sempre cuns medios totalmente rudimentarios, pero con grandes doses de entusiasmo", contaba daquela Ruibal.
Un entusiasmo e humildade que deixaron estas pezas agochadas durante anos, ata esta homenaxe que hoxe lle fai Curtocircuíto.
"Despois da chegada do dixital e todo iso... os nosos son uns materiais moi cativos, moi cativos en todos os aspectos. Entón hoxe imos presumir de cativos e de amosar os nosos pecados de mocidade, e a ver que pasa", sinala Euloxio.
Eles, que contribuíron a facer a filmografía do país cando non había grandes recursos descubrirannos a todos o valor deses filmes que din que son cativos.