CRTVG

Buscar

Fai vinte anos do caso Wanninkhof, que levara a galega Dolores Vázquez a prisión

Publicado o 09/10/2019 13:58

Fai vinte anos do caso Wanninkhof. Un suceso que pasará á historia como o un dos maiores erros xudiciais cometidos en España e que levou unha inocente a prisión. Polo crime da moza malagueña Rocío Wanninkhof, en outubro de 1999, encarceraron a galega Dolores Vázquez, unha inxustiza que non se corrixiu ata que se detivo o verdadeiro autor do asasinato, catro anos despois. 

Fora un crime de enorme impacto mediático que acabaría abrindo un debate polos erros policiais e xudiciais.

O 9 de outubro de 1999 desaparecía Rocío Wanninkhof, de 19 anos, en Mijas (Málaga). O seu corpo sen vida atopábano tres semanas despois, nun descampado. Os investigadores centráronse no círculo íntimo da moza. En poucos días, apuntan a Dolores Vázquez, ex-parella da nai de Rocío. Convértese na principal sospeitosa do crime, a familia de Rocío acúsaa, detéñena, interrógana e o xuíz envíaa a prisión preventiva. Vítima dun xuízo paralelo e dun linchamento público, Dolores sempre pregoou a súa inocencia.

Os indicios contra ela eran dúas fibras da súa roupa que foran cotexadas con outras achadas no cadáver de Rocío. As probas de ADN determinan que non hai similitude entre ambas probas. Pero aínda así, o xurado popular condénaa en 2001. É sentenciada a 15 anos de prisión.

Caso aparentemente resolto. Ata o 21 de agosto de 2003. Mentres Dolores esperaba un segundo xuízo, outro crime, o asasinato de Sonia Carabantes, en Coín, daríalle o xiro definitivo que significaría a súa exoneración. Restos de ADN atopados no cadáver de Sonia coincidían coa saliva dunha cabicha atopada no lugar onte mataran a Rocío Wanninkhof. Era de Tony Alexander King, a identidade falsa dun depredador británico que agochaba un longo expediente criminal no Reino Unido, onde era coñecido como o estrangulador de Holloway.

Caéronlle 36 anos de prisión polo crime de Sonia Carabantes. Outros 19 polo de Rocío Wanninkhof. A Dolores Vázquez nunca a indemnizaron polo ano e medio que pasou en prisión acusada dun crime que non cometera.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019