CRTVG

Buscar

Fai dez anos do último atentado mortal da ETA en España

Publicado o 30/07/2019 15:38

Faltaban dez minutos para as dúas da tarde, tal día coma hoxe hai unha década. Unha bomba lapa colocada nos baixos dun coche patrulla estoupaba fronte ao cuartel de Palmanova, en Calviá, con dous axentes dentro: Carlos Sáenz de Tejada, de 28 anos, e Diego Salvá, de 27. Non era a única bomba preparada ese día polos terroristas. Ao pouco, un can policía detecta un segundo artefacto noutro vehículo próximo, que conseguen detonar de forma controlada.

Inmediatamente, ponse en marcha a operación Jaula: a illa de Mallorca queda pechada por mar e aire para impedir a fuxida dos etarras, pero as forzas de seguridade non conseguen dar cos autores materiais do atentado. O caso segue aberto na Audiencia Nacional sen ningunha imputación. Calculan as asociacións de vítimas que un terzo dos asasinatos da banda están sen resolver, máis de trescentos.

O de Calviá foi o último atentado con mortos da ETA en España. Pero en Francia falecía oito meses despois un xendarme tiroteado nun control. E aínda habería que agardar outros oito anos, ata 2018, para que a banda terrorista declarara a súa disolución.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/07/2019