CRTVG

Buscar

Fai 53 anos do primeiro asasinado pola ETA: José Antonio Pardines, garda civil de Tráfico, de Malpica de Bergantiños

Publicado o 06/06/2021 22:20

Non hai nada que lembre a primeira vítima da ETA no lugar do seu asasinato. Foi un 7 de xuño. O luns fará 53 anos. A vítima, José Antonio Pardines, garda civil de Tráfico, de Malpica de Bergantiños. Non era o elixido para o primeiro asasinato da banda, e os terroristas quixeron ocultalo.

Porén, a Txabi Etxebarrieta, que é o asasino de Pardines, e acaba morto horas despois nun enfrontamento coa Garda Civil, idolátrano e convérteno nun mártir. Para compensar o asasinato primeiro a el, que matou, téñeno que converter nunha especie de santo laico.

53 anos despois aínda se celebran homenaxes ao primeiro verdugo da banda.

"Iso si que é un ataque ás vítimas, que están vendo como ao asasino do seu home, ao asasino de seu pai, lle están facendo unha homenaxe, unha festa popular. Iso é un ataque".

Ataques ás vítimas e á súa memoria. Para preservala, este Centro Memorial que visitamos en Vitoria. A ETA é historia. A esquerda abertxale, hoxe nas institucións, pode axudar a pasar páxina.

"Eu creo que a solución é que se comprenda o significado político das vítimas, que iso non é partidismo, iso é que saber que matando ou ferindo esas persoas quixeron conseguir algo a cambio".

"O interesante sería que fixesen tamén autocrítica, que recoñeceran o dano causado, que recoñecesen que a ETA foi un erro, que non estivo ben facer iso. Porque así cortariamos tamén de raíz a posibilidade dunha ETA bis. Como non se corta é facéndolles homenaxes aos etarras cando saen da cadea, que se está facendo".

Todo para pechar un ciclo de cinco décadas de dor e máis de 850 vítimas asasinadas pola ETA.

Noticias web

06/06/2021