CRTVG

Buscar

Cúmprense 50 anos da chegada do home á lúa

Publicado o 20/07/2019 16:33

Poucas palabras quedan xa, medio século despois, así que escoitamos tamén o silencio. E, cando acudimos a un profesor que imparte Enxeñaría Aeroespacial en Ourense, o paso dun vehículo terrícola obriga a deter a entrevista... Un silencio de motores...

Silencio para repetir mentalmente aquela frase eterna... "Un pequeno paso para o home...". "O salto foi grande porque representou a apertura dunha porta, a porta á exploración espacial."

Podíase ler tamaña responsabilidade en cada rostro dos momentos previos a ese instante de nos poder mirar a nós mesmos dende fóra, dende a porta que nos invita a entrar na inmensidade. "E esa porta o que fixo foi que se desenvolvese a tecnoloxía, nun período moi breve de tempo, para seguir avanzando."

E o avance espacial continuou. E continuou como empezou: pola lúa. "Houbo outras cinco misións que chegaron á lúa, con outros dez homes que pisaron a lúa."

Doce en total a pisaron, aínda que diso apenas se fale. Armstrong e Aldrin foron os primeiros e deixaron para a posteridade esa graza no saltar. Cousas da graza e tamén dunha gravidade seis veces inferior á da Terra. "Como non tes esa atracción, na lúa significa que te elevas máis, que avanzas máis."

Pequeno paso que se fai facilmente máis grande para o home, pero a humanidade aínda dubida con outro grande salto. "O seguinte reto é chegar a Marte, pero estase vendo se o paso intermedio de volver á lúa é necesario para chegar ata marte."

Volver volvemos oír motores de fondo... "Non se podería ir a Marte antes de 2035..."

Motores na Terra, motores no espacio: movemento no noso fogar.









 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/07/2019