CRTVG

Buscar

Dous irmáns de Cesuras cultivan con éxito produto de calidade e de proximidade

Publicado o 07/04/2019 22:45

Quen se ven tamén moi condicionados polo clima son os produtores da horta. Hoxe estivemos con dous irmáns novos que apostaron por traballar a terra, facelo en ecolóxico e distribuíndo os seus produtos, fundamentalmente, na comarca onde os cultivan.

Estamos a domingo, pero Aitor revisa no seu invernadoiro ecolóxico de Cesuras a verdura que ten para recoller: hoxe hai espinaca, acelgas, chícharos e tirabeques. Valora como distribuílos entre os seus clientes.

"Primeiro temos os particulares, que son xente bastante flexible á hora de comprar produto, que se adaptan moi ben á temporalidade da horta en Galicia. Despois temos tamén algunha tenda e temos os colexios. Facemos o posible para servir eses produtos que están dentro da temporada aos comedores porque nos parece que é unha maneira moi boa de dar a coñecer a nosa produción", di Aitor Lata, que cultiva en ecolóxico en Labrecos. 

Eles son os principais compradores, tamén pola aposta educativa que supoñen e porque garanten que a produción sexa de proximidade e non teñan que facer milleiros de quilómetros antes de ser cociñados. Tamén o garanten as cestas a domicilio por un mínimo de dez euros que fan na comarca, aínda que o pedido de hoxe vai para a tenda en liña de Xosé Luís, que traballa enviando o produto galego aló onde llo demandan.

"É converter o minifundismo na grande oportunidade competitiva. Aquilo que en Galicia sempre foi unha das taras, unha das teimas... non, a clave é que sexamos minifundio. Entón podemos producir tanta variedade de froita e de horta diferente con tanta calidade, que en ningún outro sitio a hai. Entón se respetamos o xeito tradicional de como se facía claro que ten que ser máis caro, pero en toda Europa e en España claro que o pagan", insiste Xosé Luís Gómez, que vende en Internet produto galego.

E ademais de recibir un prezo xusto polo produto que cultivan, máis san e saboroso, a horta dálle a Aitor cousas que non teñen pago.

"Poder estar cos nosos fillos, estar cerca deles, facer o que che gusta, que parece que non pero é moi importante... E ao final sentirte cheo en cousas que non sexan só os cartos".

E iso é apañar os tirabeques axudado por Marco e Uxía, ir visitar as súas ovellas preto da casa e proxectar un futuro con máis variedade de horta e gando escollido por eles, sen estar ao mandado de niguén.

Noticias web

07/04/2019