CRTVG

Buscar

Culmina na Coruña a marcha dos traballadores das Pontes "por unha transición enerxética xusta"

Publicado o 17/12/2019 15:20

Críticas de Compromiso por Galicia aos socialistas á conta da situación de Alcoa en San Cibrao. Os que foron socios do BNG nas últimas eleccións xerais acusan o PSOE e o PSdeG de promover o desmantelamento dunha factoría da que dependen 1.500 empregos na Mariña lucense. Nun comunicado, Compromiso por Galicia esíxelle ao presidente da deputación e aos demais alcaldes socialistas da provincia que poñan o interese xeral por diante do partido.

A marcha dos transportistas de Endesa chega á Coruña. Os afectados pola parálise da central reclaman unha saída laboral para a comarca das Pontes xa que estiman en arredor de 16 millóns de euros os cartos que se perderon neste último semestre do ano, só no transporte do carbón.

Últimos quilómetros a pé para cubrir o traxecto que separa As Pontes da Coruña. Os arredor de 150 transportistas do carbón de Endesa e as súas familias reclaman unha solución laboral despois de oito meses sen traballar. Pídenlle a Endesa que aclare o futuro da térmica e non desbotan acudir aos tribunais a reclamar danos e prexuízos.

A marcha rematou cunha concentración diante do viceconsulado de Italia na Coruña, para facerlle chegar ao grupo italiano Enel, propietario maioritario de Endesa, a necesidade dunha saída laboral para As Pontes.

Mañá está convocada nas Pontes unha xuntanza do comité de crise para avaliar a situación laboral.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/12/2019

Máis sobre As Pontes de García Rodríguez

As Pontes 7-0 Pontellas
17/02/2020 11:09