Cubanos residentes en Galicia expectantes ante as protestas na illa contra o réxime
As rúas da Habana recuperan unha relativa calma tras as protestas, pero a presenza policial e de partidarios do Goberno é agora máis evidente, co obxectivo de disuadir novas manifestacións. O corte de internet dificulta o balance, pero hai case un cento de detidos, numerosos feridos e desaparecidos. O réxime cubano insiste en sinalar os Estados Unidos como promotor da revolta, a máis importante dende o chamado 'maleconazo' de 1994.
Pero a 7.000 quilómetros de distancia, os cubanos residentes en Galicia apuntan outras razóns para as protestas. "Isto foi espontáneo, o pobo de Cuba está farto da miseria, da fame, da necesidade. A gota que colmou o vaso foi o virus", di Yanisy.
Ela chegou hai 20 anos á Coruña dende Camagüey. Rexenta un bar que xa é punto de encontro da comunidade cubana na cidade. Todos viven cunha mestura de preocupación e esperanza o que está sucedendo na illa.
"Teño unha veciña morrendo por un tiro por saír da casa, amigas morrendo por malleiras. Temos que unirnos e saír á rúa, non nos queda outra", asegura Mirielys.
"Dende que teño uso da razón estou a favor da democracia, en contra da dictadura... A miña familia paterna sempre estivo en contra do réxime", di Yanisy.
A súa protesta escóitase a diario en María Pita, e para o sábado xa preparan unha manifestación polas rúas da Coruña para sumarse, dende a distancia, ás reivindicacións que asoman en Cuba.