CRTVG

Buscar

Cuarto triunfo consecutivo do Deportivo

Publicado o 20/01/2020 17:51

Nin o afeccionado máis optimista podería imaxinar a situación actual do Deportivo hai só un mes. O pasado 20 de decembro, cun gol de Nolaskoain no minuto 95, no último partido de Luis César, o equipo coruñés gañaba despóis de catro meses sen facelo. Desde ese intre, con trocos institucionais polo medio e a chegada de Fernando Vázquez, os brancos e azuis contan por vitorias todos os seus compromisos ligueiros. Catro triunfos consecutivos para aliviar unha situación que parecía absolutamente desesperada. Sen Çolak, sanciondo, con lesión de Salva Ruiz nada máis comezar, e cun posible penalti por man de Espino non sinalado, todo parecía costa arriba hoxe en Riazor, onde 25.000 seareiros animaron sen descanso ao seu equipo.

O Cádiz, líder, pero deprimido por unha serie negativa nas últimas xornadas, topou coa seguridade defensiva dos deportivistas. Nun encontro moi táctico, trabado e con poucas ocasións, un destello de calidade de Gaku Shibashaki, culminado por Sabin Merino no minuto 65, foi suficiente. Fernando Vázquez volveu correr a banda e a repartir abrazos.

O dianteiro do Deportivo leva dous goles en dous partidos. Difícil aportar máis para un recén chegado. Desde ese intre, concentración defensiva e poucas concesións. Outra lesión, a de Peru Nolaskoain, frustrou a estrea de Beauvue, que terá que agardar algo máis para debutar como deportivista. O dominio infrutuoso do Cádiz nos últimos minutos non tivo consecuencias. 24 puntos suma xa un Deportivo que agora si, compite con dignidade en cada partido.

Noticias web

20/01/2020