Cuarta noite de disturbios nos Países Baixos, con protestas contra o toque de queda
Nova madrugada de disturbios nos Países Baixos. Enfrontamentos entre a policía e grupos de mozos que se rebelan ante as restricións contra a covid-19.
Na cidade de Róterdam os axentes detiveron 33 persoas que participaban nas protestas contra o toque de queda.
Momentos de tension tamén en Ámsterdam. Varios grupos de mozos citáronse para enfrontarse coa policía. Pero as autoridades non tardaron en ter o control.
Moitos municipios xa se prepararan para unha nova xornada de fortes disturbios, protexendo portas e ventás de vivendas e negocios, pero, segundo fontes policiais, foi unha noite en xeral máis calmada. Atrás quedan días con imaxes da violencia que levou o caos ás cidades.
Dende a entrada en vigor do toque de queda o sábado pasado, máis de 500 persoas foron detidas, varios axentes feridos e moitos neerlandeses asistiron atónitos a unha situación case sen precedentes no país durante as últimas décadas.