Un incendio na galería Alpide de Vigo deixa cuantiosas perdas artísticas
Publicado o 14/10/2021 14:16
O baixo dunha céntrica galería de arte viguesa quedou totalmente calcinado e case medio cento de obras de arte dos máis importantes pintores galegos contemporáneos quedaron queimadas ou danadas. O lume comezou contra as dúas e media deste mércores no cadro eléctrico probablemente por unha sobrecarga na rede.
Os bombeiros de Vigo tardaron máis de dúas horas en completar a extinción e ventilación no histórico inmoble de máis de cen anos con vellas estruturas de madeira. Tamén se perdeu todo o material para a enmarcación. Policía Científica e propietarios da galería analizan a orixe do suceso e fan balance de danos. Só se salvou a sala do segundo andar, a única que estaba asegurada.