CRTVG

Buscar

Cronoloxía do suceso: 13 días dende que o neno caeu ao pozo ata o rescate do seu corpo sen vida

Publicado o 26/01/2019 10:04

O pequeno Julen caeu no pozo hai xa doce días. Dende entón, todas as miradas están postas no Cerro da Corona. Persoal e maquinaria traballan dende o primeiro momento sen descanso cun único obxectivo: o rescate de Julen. Un rescate contra o reloxo que tivo moitos atrancos. As condicións do terreo e as características do pozo en que caeu o cativo dificultaron e atrasaron moito os traballos. 

Domingo 13: Julen cae no pozo

O 13 de xaneiro a mediodía Julen cae no pozo, un burato de prospección para buscar auga de só 25 centímetros de diámetro e con 110 metros de fondo.

Luns 14: Atopan unha bolsa de lambetadas

Ao día seguinte baixan unha cámara ao pozo, a 73 metros bate cun tapón de terra moi duro que complica a operación. No pozo, a cámara tamén atopa unha bolsa de lambetadas. Unha máquina tenta succionar o tapón, pero non o consegue, polo que se comezan a barallar outros plans de rescate.

Mércores 16: O pozo era ilegal

Dous días despois, as probas de ADN confirman que o pelo que acharon no interior do pozo pertence ao pequeno Julen. Tamén se confirma que o pozo era ilegal. Por primeira vez, escoitamos o pai de Julen.

José Roselló, pai de Julen: "Estamos mortos, pero coa esperanza de que temos un anxo que nos vai axudar a que saia vivo."

Sábado 19: Comeza a perforación

Tres días despois, a tuneladora comeza a perforar o túnel vertical paralelo ao pozo. Tamén chega a Totalán a cápsula deseñada polos bombeiros de Málaga para que descenda a brigada de rescate dos mineiros asturianos.

Domingo 20: A perforación atrásase

As tarefas de perforación complícanse e prolónganse máis do previsto nun primeiro momento. A tuneladora bate con placas de lousa de moita dureza.

Luns 21: Rematan de perforar

O luns, a tuneladora finalizou a perforación do túnel vertical paralelo ao pozo.

Martes 22: Os tubos non baixan

Comezaron entón as tarefas de encamisado da galería vertical, pero xorden problemas. O tubo non encaixa e deben perforar de novo.

Xoves 24: Os mineiros comezan a cavar a galería

Dous días despois remata por fin o encamisado da galería vertical. É a quenda dos mineiros, que por parellas van descendendo para cavar á man a galería horizontal que permita acceder ao pozo onde caeu o pequeno Julen. O rescate entra na recta final.

Sábado 26: Localizan e rescatan sen vida o corpo de Julen 

Fontes da subdelegación do Goberno en Málaga confirman que contra as 1:25 da madrugada, os equipos de rescate accederon ao lugar do pozo onde se buscaba a Julen. Despois de 300 horas ponse fin a busca e comezan a analizarse os detalles para esclarecer o suceso.

 

Noticias web

26/01/2019