CRTVG

Buscar

Cronoloxía do caso Gabriel Cruz, un crime que conmocionou España

Publicado o 19/09/2019 19:55

O crime do neno Gabriel tivo dúas semanas co corazón nun puño toda España. Perdíaselle a pista despois de saír de casa da súa avoa, momento en que se iniciaron 13 días de intensa investigación. Finalmente, a Garda Civil detivo a entón parella do seu pai, Ana Julia Quezada, co cadáver do neno no maleteiro do seu coche.

O 27 de febreiro de 2018, Gabriel Cruz desaparece ao mediodía entre Las Hortichuelas e Las Negras. Catro días despois, atopan unha camiseta de Gabriel a catro quilómetros do lugar onde desapareceu. É Ana Julia Quezada, nese momento parella do pai do pequeno, a persoa que atopa a peza.

O nove de marzo celébrase unha concentración para que apareza o pequeno Gabriel. Xunto aos pais do pequeno, pódese ver a Ana Xulia Quezada visiblemente afectada pola situación.

O once de marzo comezan cinco días moi intensos. A Garda Civil atopa o cadáver de Gabriel Cruz no maleteiro do coche de Ana Julia Quezada. A muller foi detida na localidade de Vícar, a uns 40 minutos en coche de onde desapareceu Gabriel, dentro dun amplo despregamento policial.

A autopsia desvela que morreu esganado o mesmo día que desapareceu. Ana Julia nega ser a autora, e non colabora cos axentes nos rexistros da leira onde ocultou o corpo. Na rúa a crispación contra ela aumenta. A despedida do pequeno provoca un dó colectivo sen precedentes en España. Nunha lección de siso e enteireza, os pais piden á sociedade acougar os ánimos, acendidos contra a autora do asasinato.

Ana Julia derrúbase e confesa que matou a Gabriel tras declarar durante case dúas horas. Aínda así, asegura que foi en defensa propia, di que o neno a atacou primeiro cunha machada. A Garda Civil non cre a súa versión e explica os detalles da investigación. Ana Julia ingresa en prisión por orde do xuíz.

A comezos deste ano a Fiscalía de Almería solicita prisión permanente revisable polo delito de asasinato con aleivosía para a acusada e en marzo sinalan a data do xuízo.

Noticias web

19/09/2019