CRTVG

Buscar

Cronoloxía do caso de Diana Quer

Publicado o 11/11/2019 12:55

Tres anos e dous meses despois, comeza o xuízo por un crime que deixou pegada en toda a comarca da Barbanza. No banco dos acusados só sentará este home, Enrique Abuín Gey, o Chicle, de 43 anos, para responder sobre o asasinato de Diana Quer López-Pinel. Os feitos sucedidos en agosto de 2016 poderían ser constitutivos dos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal.

Un xurado popular deberá deliberar sobre a desaparición, morte e presunta violación da moza madrileña, daquela de 18 anos, que desencadeou unha longa e complexa investigación policial e xudicial. Despois de desaparecer o 22 de agosto, o Chicle converteuse ás poucas semanas no principal sospeitoso e durante un ano e medio, mesmo coa causa arquivada, os investigadores buscaron incesantemente probas contra el. Tras a reconstrución, en agosto de 2017, xa non teñen dúbidas da autoría do crime.

O 25 de decembro dese ano, o caso dá un xiro inesperado. O intento de rapto da moza de Boiro e unha provindencial gravación de WhatsApp leva a recoñecer no agresor a Xosé Enrique Abuín. Era a proba do modus operandi do Chicle que agardaban os investigadores do caso Quer. Detéñeno o 29 de decembro canda a súa muller. Ao identificalo na gravación da vítima, ela confesa que non estaba con el a noite en que morreu Diana. Acurralado, o Chicle admite o crime, porque queda sen coartada.

Despois de 500 días buscándoa, o corpo de Diana é rescatado nun pozo desta nave industrial de Rianxo a noite de Fin de Ano de 2017.

Unha das claves do futuro procesal de Enrique Abuín vai depender de se esa morte se considera homicidio ou asasinato.

"El di que foi accidente, que a atropelou".

Cualificaríase como asasinato se se demostra que houbo aleivosía, asañamento ou recompensa.
Se coinciden os delitos de asasinato e violación, Abuín podería enfrontarse á prisión permanente revisable. É o que piden Fiscalía e acusación particular. No seu escrito, o ministerio fiscal di que o Chicle matou a Diana, estrangulándoa cunha brida, para encubrir a agresión sexual. Vai ser, por tanto, clave demostrar qué buscaba el ao raptar a Diana no paseo da Pobra. Os pais da vítima, como acusación particular, que encadran o Chicle no perfil de depredador sexual, tratarán de que agraven tanto o silencio do acusado durante 500 días como o estado en que estaba o corpo, espido e metido en auga para borrar probas da suposta agresión sexual.

A violación abriría, por tanto, a porta á prisión permanente revisable.

O Chicle será o primeiro en declarar. Presumiblemente, volverá negar a agresión sexual e reiterará a tese do accidente. Como testemuñas, despois del declararán os pais de Diana, tamén unha irmá do acusado, os cuñados que no seu día lle deran coartadas, forenses e os membros da Policía Xudicial da Coruña e da UCO que investigaron o caso durante 16 meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2019