CRTVG

Buscar

A oposición critica a falta de diálogo de Sánchez

Publicado o 01/04/2020 08:31

O Goberno ten que validar no Congreso os últimos decretos que aprobou. PNV e Esquerra, socios na investidura, xa dixeron que non ían apoialos, por non contarse con eles. O PP critica o mesmo, pide que se lle consulte antes de votar, pero que estará á altura.

Postura semellante ten Ciudadanos. Dende Podemos recoñecen esa falta de diálogo coa oposición. E xustifícano por motivos de urxencia.

Pero ante as críticas da oposición ás últimas medidas laborais do Goberno, este pídelles aos partidos políticos responsabilidade e consenso nestes momentos dunha crise sanitaria sen precedentes. O PNV, crítico coas formas na aprobación do decreto de peche da actividade industrial, forzou na Mesa do Senado a convocatoria da Comisión de Comunidades Autónomas que pedía o PP.

Nas últimas horas, o Goberno explicaba que as medidas de parón da actividade económica irán levantándose cando se dea por rematado o estado de alarma. Foi este decreto o que ocasionou as críticas da oposición en pleno pero tamén a retirada do apoio ao Goberno dos seus socios de investidura do PNV e de Esquerra.

O Partido Popular condiciona o seu apoio a que deben introducirse modificacións para que non sexan os autónomos e as pemes os únicos que paguen a crise económica.

O Goberno téndelle a man á oposición. A voceira da Moncloa aseguraba que a vontade do executivo é estreitar a colaboración coas forzas políticas. Montero aseguraba que o PP ten una estratexia contraditoria. "Non se entendería que algunhas formacións políticas como o Partido Popular, que pediu nas semanas previas medidas de endurecemento, mesmo de parálise da actividade industrial, agora non apoiase un decreto lei que xustamente intenta modular esa situación", aseguraba María Jesús Montero.

O malestar do PNV co Goberno, ao que acusa de non informalo e de non ter en conta os trazos propios do tecido industrial de Euskadi, fixo que os nacionalistas vascos apoiasen no Senado a iniciativa do Partido Popular para que se reúna a Comisión Xeral de Comunidades Autónomas sobre a crise do coronavirus. Nese organismo están representados o Goberno, os partidos políticos e as autonomías.

O voceiro nacionalista, Josu Erkoreka, aseguraba, con todo, que a pesar de que non van apoiar o decreto de hibernación que paraliza a industria si que seguirán colaborando co Goberno central na loita contra a covid-19. E que precisamente están dialogando co Executivo central para modular o parón da actividade industrial e poder manter algunhas industrias vascas.

Vox vai un paso máis alá. Santiago Abascal pídelle a Pedro Sánchez que dimita, disolva a coalición con Unidas Podemos e dea paso a un goberno de emerxencia nacional formado polos tres partidos maioritarios, PSOE, PP e Vox.

Noticias web

01/04/2020