CRTVG

Buscar

Críticas ao ministro Escrivá por suxerir atrasar a xubilación aos 75 anos

Publicado o 28/09/2021 15:31

O ministro José Luis Escrivá volveu hoxe a asegurar que se mantén a idade legal de xubilación e que en ningún momento plantexou modificala. Aínda así, a súa rectificación segue levantando críticas, empezando polos propios partidos de Goberno.

O voceiro do PSOE no Congreso, Héctor Gómez, afirmou que "en ningún caso se vai tender a ampliar a idade de xubilación". Dende Unidas Podemos, Gerardo Pisarello, opinaba que "estamos en tempos onde a xente ten bastante zozobra como para que lancemos este tipo de mensaxes ambiguos".

Críticas tamén dos socios habituais no Congreso. Dende Más País, Íñigo Errejón, sinalaba que esta "é a cuarta vez que se equivoca, e sempre se equivoca para o mesmo lado, nunca se equivocou para dar máis tranquilidade aos pensionistas". Para EH Bildu, a proposta "é un aténtico despropósito", en palabras da súa deputada Mertxe Aizpurua. Gabriel Rufián, de ERC, tiraba de sorna. "Creo que o PP está buscando ministros na sombra, sería un bo candidato por algunha das cousas que di", aseguraba ante a prensa.

Tamén os partidos da oposición falaron do asunto. Para Ciudadanos, "este Goberno é o reino da chapuza". E dende o PP, a súa voceira Cuca Gamarra sinalaba que "o ministro Escrivá, se por algo se caracteriza é porque a veces di o que pensa e enterámonos todos os españois de cal é a súa intención".

Noticias web

28/09/2021