CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Cristina Pato presenta o Festival Galician Connection, con formación e concertos de músicos internacionais

Publicado o 22/03/2014 21:46
A primeira fin de semana de abril volverá á Cidade da Cultura o festival "Galician Connection", un auténtico laboratorio musical. Nesta terceira edición alumnos, formadores e músicos recoñecidos, de distintos países, afondarán na necesidade de reintegrar as artes na educación. As creacións resultantes daranas a coñecer nun concerto final. Aproveitando a súa volta dos Estados Unidos a Galicia, falamos coa creadora: a gaiteira máis internacional, Cristina Pato.

A primeira muller gaiteira que publicou un disco en solitario. Gaita, piano, frauta, pandeireta e voz en centos de concertos en ducias de países e en seis discos de seu e máis dunha trintena con outros artistas. Premios por investigación e por música, incluído o Grammy. Mestra e colaboradora en distintas universidades americanas, dende hai unha década reside en Nova York, pero a ourensá Cristina Pato, sempre volve.

"O que temos aquí é incrible, a nivel talento, música, arte, patrimonio histórico e cultural... É algo do que ás veces non somos conscientes nós mesmos, de todo o que podemos facer nós fóra das nosas fronteiras. Iso é unha das cousas que creo que podemos mellorar: como colocar Galicia no mapa internacional".

Cristina Pato, creadora e directora do "Galician Connection", coa produción de Nordesía, volve traernos este certame-festival, na súa terceira edición, durante tres días, do 4 ao 6 de abril, a Santiago, aquí, á Cidade da Cultura de Galicia.

"Durante tres días estaremos falando de educación, de música, do poder das artes... Queremos demostrar que o mesmo que se ve enriba dun escenario é a punta do iceberg no que a educación, a pedagoxía, a curiosidade, a flexibilidade, a colaboración e a xenerosidade... somos todos nós. Trataremos de propor distintos xeitos de reintegrar as artes na educación".

Será na xornada Educa que se sumará a foros, debates, clases prácticas, obradoiros e ensaios compartidos, para facer creativo o feedback entre disciplinas musicais, entre nacionalidades, e entre alumnos, formadores e artistas internacionais : sirios, colombianos, palestinos, cataláns e galegos... Estarán en Santiago músicos do nivel de Kinan Azmeh, Edmar Castañeda, Carles Benavent, Najla Shami, Carlos Castro e Abe Rábade, que darán un concerto final.

"Sobre todo intentar aprender algo das culturas que nos traen de fóra, pero tamén que nós levemos con eles ás súas, a nosa cultura, é a base do festival. É un soño feito realidade. A través do diálogo podemos imaxinar un futuro mellor"
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí