CRTVG

Buscar

Cristina Fernández será xulgada por presunta fraude en obra pública

Publicado o 27/12/2016 21:20

Ademais, o xuíz embárgalle á ex-presidenta da Arxentina máis de 600 millóns de dólares

A Xustiza arxentina acaba de procesar a ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner na causa que a investiga por presuntas irregularidades na concesión de obra pública durante o seu mandato. Ademais, o xuíz embárgalle a Fernández máis de 600 millóns de dólares. 

A Xustiza arxentina apurou o traballo antes do descanso estival e acaba de procesar oficialmente a ex-presidenta Cristina Fernández na causa que a investiga por irregularidades na concesión de obra pública durante a súa xestión, xunto a outros altos cargos do seu Goberno. 

Ao parecer, a ex-mandataria outorgou "beneficios exclusivos" en favor do grupo Austral entre 2003 e 2015, propiedade do empresario Lázaro Báez, moi próximo á familia Kirchner, e detido no marco doutra causa que investiga unha ruta de lavado de diñeiro no exterior. 

O xuíz considéraa "coautora penalmente responsable do delito de asociación ilícita" e "administración fraudulenta agravada por realizarse en perxuízo dunha administración pública ao seu cargo. 

A medida contempla tamén un embargo de 664 millóns de dólares a Fernández de Kirchner e o procesamento de, entre outros, Báez, do ex-ministro de Planificación Federal Julio de Vido e o ex-secretario de Obras Públicas José López, detido mentre tentaba agochar millóns de dólares nun convento da provincia de Bos Aires. 

Logo dun ano marcado polas súas comparecencias nos Tribunais, esta constitúe a primera causa en que a ex-mandataria é procesada por delitos de corrupción. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/12/2016