CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Cristina Fernández denuncia unha persecución política e ameaza con ir aos tribunais internacionais

Publicado o 07/03/2017 21:34



A ex-presidenta arxentina, Cristina Fernández, compareceu nos tribunais para render contas por presunta corrupción na inmobiliaria familiar Los Sauces, causa en que está imputada xunto cos seus fillos por lavado de diñeiro e suborno. A ex-mandataria negou os cargos e denunciou unha persecución xudicial.

Cristina Fernández de Kirchner volver comparecer ante a xustiza por presunta corrupción. Como era de agardar, a ex-presidenta arxentina non respondeu ás preguntas do xuíz e presentou un escrito en que pide ser sobresida como imputada por enriquecemento ilícito e suborno na causa que investiga a inmobiliaria familiar Los Sauces.

Ante un forte operativo de seguridade, Fernández de Kirchner acudiu á que foi a súa terceira indagatoria dende que deixara a presidencia en decembro de 2015.

Está acusada, xunto aos seus fillos Máximo e Florencia, de utilizar a empresa Los Sauces como unha vía de retorno do diñeiro da obra pública arxentina por parte de empresarios concesionarios afíns, quen, a través de contratos de alugueiro, tentaría darlle unha apariencia lícita ao diñeiro.

A ex-mandataria alega ser vítima dunha persecución xudicial sen precedentes e non descarta acudir a organismos internacionais de Xustiza.

Fernández de Kirchner xa acumula cinco causas nos tribunais, unha delas como procesada por administración fraudulenta e asociación ilícita, e outra por administración infiel en prexuízo do Estado.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

07/03/2017