CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Cristina Fernández de Kirchner volve amosar a súa versión máis combativa nun acto electoral

Publicado o 02/09/2017 14:43
Na Arxentina, a ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner, en plena loita por facerse cunha bancada de senadora nacional, volve amosar a súa versión máis combativa nun acto electoral.
Mentres, a Xustiza arxentina cítaa a declarar por asociación ilícita e lavado de activos.

Despois do empate co oficialismo nas últimas eleccións primarias lexislativas da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner recupera o seu estilo máis combativo e populista.
Sen pelos na lingua, a ex-presidenta, reapareceu nun acto de campaña e deu un xiro radical na súa estratexia comunicativa de cara ós comicios de outubro.

A pesares da escasa diferenza porcentual no escrutinio co oficialismo, 0.21 %, Fernández de Kirchner autoproclamouse como a gran gañadora nas eleccións parciais na provincia de Bos Aires e acusou ó Goberno de manipular o resultado.

Cristina Fernández de Kirchner - Ex-presidenta da Arxentina e candidata a senadora
"Es la primera vez en la historia electoral nacional que un acta de escrutinio definitivo da como ganador al que había aparecido como perdedor en el escrutinio provisorio".

Un discurso marcado pola confrontación co Goberno, pero tamén coas outras forzas da oposición.

Mentres, Fernández de Kirchner continúa a súa particular loita na Xustiza.
Hai só uns días, a ex-mandataria foi chamada a declarar como acusada na causa Hotesur, que a investiga por presuntos delitos de asociación ilícita e lavado de cartos.
Xunto a ela, deberán prestar declaración en novembro os seus fillos, Máximo e Florencia Kirchner, Só uns días despois de que as urnas decidan se a ex-xefa do Estado arxentino obtén unha banca no Senado nacional.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí