CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Cristina Fernández de Kirchner sobre a morte de Carlitos Ménem: "Non foi un accidente"

Publicado o 17/11/2016 21:20

A ex-presidenta arxentina, Cristina Fernández, volve comparecer ante a Xustiza. Nesta ocasión coma testemuña nunha causa que investiga a morte do fillo de quen fora presidente do país na década dos 90, Carlos Ménem, nun presunto accidente de helicóptero que agora se pon en dúbida. Fernández dixo estar convencida de que a morte de Ménem Junior non foi un accidente.

A imaxe de Cristina Fernández achegándose aos tribunais comeza a ser habitual na actualidade arxentina.

Nesta ocasión a ex-mandataria foi citada como testemuña para responder sobre a morte de Carlitos Menem Junior, fillo do tamén ex presidente e actual senador nacional Carlos Menem, quen faleceu nun suposto accidente de helicóptero en 1995 que agora, 20 anos despois, queda en entredito.

O propio Menem adxudicou recentemente o suceso ó grupo terrorista Hezbollah, asegurando que o do seu fillo fora o terceiro atentado no país logo do sufrido pola Embaixada de Israel e a mutualista xudía AMIA.

Isto provocou un cambio de rumbo na investigación e a citación a declarar dos seis expresidentes arxentinos que puideron ter acceso a esa información clasificada dos servizos de intelixencia.

Cristina Fernández compareceu nos Tribunais de Río Gallegos, na Patagonia Arxentina, onde ten a súa residencia habitual e sostivo que nunca tivo acceso a esa información dos servizos de intelixencia mentres foi presidenta. Con todo, asegurou estar convencida de que a morte do fillo de Ménem non foi un accidente.

Os outros ex-presidentes: Fernando de la Rúa, Eduardo Duhalde, Ramón Puerta, Adolfo Rodríguez Saá e Eduardo Caamaño, xa declararon e coincidiron en non ter ningún informe ao respecto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

17/11/2016