CRTVG

Buscar

Cristina Cifuentes renuncia ao mestrado e di que non pensa en dimitir

Publicado o 17/04/2018 20:39

Cristina Cifuentes renunciou ao seu máster da Universidade Rey Juan Carlos. Fíxoo a través dunha carta remitida ao reitor. Nela, pide desculpas aos que se poidan sentir agraviados e mantén que cumpriu coa legalidade. A presidenta madrileña di que a renuncia é unha decisión persoal e que non pensa en dimitir.

Horas despois de anuncialo nas redes sociais, Cristina Cifuentes explicaba por que renuncia ao título.
Unha decisión que, asegura, é persoal e que toma vinte e sete días despois de que saltara a polémica pola que, di, non se propón dimitir.

A presidenta madrileña insiste en que non cometeu ningunha ilegalidade e que sempre fixo o que lle pediu a Universidade. Desvincúlase de calquera irregularidade administrativa e da presunta falsificación de documentos. E apunta á universidade pola acta de traballo fin de máster.

Así llo fai saber ao reitor nesta carta en que pide desculpas por aceptar as facilidades que lle ofreceu a universidade para cursar o máster. Engade que nunca pretendeu sacar vantaxe do título e comunica formalmente que renuncia a el de xeito inmediato. 

Co caso en mans da fiscalía, Cristina Cifuentes agarda que a xustiza o aclare todo.

Reaccións

A decisión de Cristina Cifuentes é, para o Goberno, un acerto, pero non convence a oposición. Ciudadanos insiste en que debe dimitir e insta a Rajoy a que deixe de encubrir a presidenta madrileña. No PSOE e en Podemos, ven a renuncia ao máster como unha confesión de culpabilidade.

O Goberno cre que a renuncia ao máster é un acerto que honra a Cristina Cifuentes. 
Pero o seu socio de investidura cre só busca unha atenuante ante un eventual xuízo. Por iso insisten en que dimita antes de rematar o mes.

O PSOE fala de cortina de fume e pide que se convoque xa o pleno da moción de censura. Podemos cre que o deste martes é unha admisión de culpa. 

No seu partido, pídenlle a Ciudadanos que aplique para si mesmo a mesma medicina que reclama para os demais, en alusión ao deputado Toni Cantó e ao seu inexistente título de pedagogo.
No PP, din que nada xustifica a moción de censura contra Cifuentes.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2018