Cristina Castaño recibe o premio OUFF Televisión
Feliz e emocionada recibiu Cristina Castaño a Calpurnia do OUFF na modalidade de Televisión, na súa primeira edición: "Pasarei á historia porque son a primeira en recibilo. E non a única, porque haberá máis, pero son a primeira".
Dedicoullo á súa nai, que a acompañou na gala: "Ser querido polo público é o máis grande. Pero, para min, o máis grande, e voume emocionar, foi ter o mellor público do mundo que foron os meus pais".
O premio é un recoñemento á súa carreira que botaba a andar hai 20 anos nesta casa: "Eu empecei aquí, na Televisión de Galicia. Empecei en A familia Pita, cun personaxe pequeno que saía en catro episodios, e despois chegou Pratos Combinados, que é a nosa serie, a serie dos galegos. Entón, xa pasei a formar parte de moitos fogares. E sempre sentín o cariño dos meus, incluso cando marchei".
A gala concluíu con Elisa e Marcela. O filme de Isabel Coixet, cofinanciado pola Televisión de Galicia, proxectouse por primeira vez en cor e en galego, ante un público entusiasmado: os veciños de Celanova e Boborás, escenarios da rodaxe.