CRTVG

Buscar

Un exasesor de Jácome denuncia que lle esixía "doazóns forzosas"

Publicado o 16/09/2020 21:16

 Un exasesor do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (DO), denunciou que este lle "esixía unha doazón forzosa" do seu soldo mensual,"ao redor dos 1.000 euros", e "as pagas extraordinarias íntegras" desde decembro do 2019 ata abril do 2020, sumando un total de 5.145 euros.

Así o fai constar este extraballador eventual mediante unha denuncia que levou ao xulgado e á que se uniu o escrito presentado en Fiscalía polos concelleiros díscolos de Democracia Ourensana (DO) contra o propio Jácome debido a unhas presuntas irregularidades na xestión dos fondos públicos do partido DO, entre elas, as citadas prácticas de "doazóns".

Ao existir xa unha acusación privada por estes feitos, a do Ministerio Público acumúlase directamente e é o Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense o que investiga as circunstancias. 

O total entregado por esta persona sitúase, segundo a denuncia, en 5.145 euros, diñeiro que se ingresaba "na conta titularidade de Democracia Ourensana", excepto dous meses, nos que "os pagos se realizaron en man na sala de xuntas de Goberno" do Concello de Ourense.

Finalmente, este extraballador admite que aceptou ditas entregas "debido á falta dun posto laboral nese momento", non quedándolle "outra opción máis que aceptar": "É mellor gañar pouco que non gañar nada, ademais de gustarme o traballo realizado e o meu compromiso con esta cidade", finaliza.

 

Noticias web

16/09/2020