CRTVG

Buscar

Cribados no edificio da Xunta en Lugo e no cárcere do Pereiro de Aguiar para atallar senllos gromos

Publicado o 02/06/2021 20:21

Malestar na Pobra e Viveiro polas restricións na hostalería

O Sergas vai facer un cribado a todos os traballadores do edificio da Xunta en Lugo tras detectarse un gromo con oito afectados. Tamén na prisión ourensá do Pereiro de Aguiar por un foco que afecta un grupo de reclusos en réxime aberto. Como medida preventiva e non para atallar un foco do virus, convocarán a un cribado os hostaleiros e taxistas da área sanitaria de Pontevedra. A incidencia da covid segue baixando en Galicia e desde o sábado só haberá dous concellos perimetrados.

Mos seguirá coas máximas restricións en que se encontra desde o sábado pasado. Ten a maior incidencia de covid de Galicia, 631 casos por cen mil habitantes, pero parece que os contaxios tocaron teito

 "En números absolutos estamos baixando. Agora si que podemos confirmar que chegamos ao pico, que dobregamos a curva", destacaba a alcaldesa, Nidia Arévalo.

Canda Mos continuará perimetrado, sen hostalería e con toque de queda o concello da Pobra do Caramiñal. Aquí a incidencia é menor, 343 casos por cada cen mil habitantes. Saúde Pública lembra que son necesarios dez días para consolidar a melloría. Pero no concello hai malestar e preocupación polo impacto das restricións na economía.

 "A indignación da poboación é xeral e reclamanos algún tipo de iniciativa. A hostalería e o comercio demandan mesmo manifestacións ou algunha forma de protesta", asegura o alcalde, Xosé Luis Piñeiro

A incidencia da covid é algo máis elevada en Viveiro, que se mantén en nivel alto porque as autoridades sanitarias consideran os gromos baixo control. Tamén aquí hai malestar na hostalería que estuda reclamar por vía xudicial polas perdas que lles causan as restricións.

 "O dano que se está facendo con este tipo de restricións tan severas e que cremos que agora mesmo non son acordes á situación actual lévanos a tomar outro tipo de accións", díxonos Isabel Méndez, voceira do Centro Comercial Histórico.

Ordes é o outro concello que manterá o nivel alto de restricións. Aquí a incidencia da covid achégase aos 200 casos por cada cen mil habitantes. "Primeiro a enfermidade, que é o principal, pero despois hai que mirar tamén un pouquiño pola economía", opina a responsable dun bar. Din que co interior da hostalería pechado dependen demasiado do tempo para poder manterse en pé.

Noticias web

02/06/2021