CRTVG

Buscar

Cribados a estudantes de Pontevedra e Vilaboa para deter o gromo coa orixe en Mallorca

Publicado o 04/07/2021 14:13

Na área sanitaria de Pontevedra preocupa a repunta de positivos entre a mocidade e os cribados son fundamentais para deter o aumento dos casos, que teñen a súa raíz no megagromo de Mallorca, pero non só neste fenómeno. 1.435 mozos, alumnos de bacharelato ou formación profesional en centros educativos da capital, están citados esta fin de semana e ata o martes para facer as probas PCR aquí, no aparcadoiro exterior do hospital provincial pontevedrés. Neste mesmo lugar foron convocados hoxe tamén 158 rapaces de Vilaboa, de entre 15 e 19 anos.

"O cribado este é pola xente que foi a Mallorca", di un rapaz. "É un cribado de todos os estudantes,  supoño que polo que pasou cuns alumnos que foron de viaxe. Moitos pillaron a covid e para asegurarse fixéronse estas probas", opina outra participante. "Algúns estiveron na nosa graduación e contaxiaron a outros".

No instituto pontevedrés Sánchez Cantón xurdiu un gromo hai dúas semanas, relacionado coas viaxes a Mallorca, que segue a ser obxecto de especial atención."Houbo moitos casos no Sánchez e agora queren facer cribados a bastantes colexios en primeiro de bacharelato", explica unha estudante que vén de facer a PCR.

Probas deste tipo non son ningunha novidade para a maioría, malia a curta idade. Teñen ampla experiencia. "É a quinta ou así", sinala unha moza. Outra relata que xa fixo tres previamente.

Os resutados das probas de hoxe chegaranlles aos mozos pola tarde ou mañá. A rapidez no diagnóstico é fundamental para reverter unhas situación con escasa incidencia en hospitalizacións, pero cun considerable perigo expansivo.

Noticias web

04/07/2021