CRTVG

Buscar

Cribado poboacional na contorna do val do Vea, na Estrada, tras pasar a nivel de alerta vermello

Publicado o 14/11/2020 14:49

Na mañá deste sábado comezaba un cribado entre os veciños de varias parroquias da contorna do Val do Vea, na Estrada. O municipio pasou esta semana a nivel de alerta vermello, despois de que se detectara un gromo que quedou descontrolado. Están convocados para realizar unha PCR esta fin de semana unhas 2.500 persoas.

Longas ringleiras á entrada do centro de saúde de Souto de Vea, no municipio da Estrada. Ás nove da mañá comezaba o cribado poboacional. Están convocadas para a fin de semana unhas 2.500 persoas de doce parroquias da contorna do Val do Vea, a zona máis próxima a Santiago e con maior densidade de poboación da Estrada.

Os veciños foron convocados onte a través dun sms. Desde o Concello tamén se mobilizaron a través das redes sociais para informar do cribado. A resposta dos veciños está a ser masiva.
Con este cribado búscase detectar casos positivos asintomáticos, despois de que esta semana un gromo que se iniciara nun local da zona quedara descontrolado. Nos últimos sete días A Estrada pasaba a nivel de alerta vermello.
"Detectamos que se estaba a descontrolar un gromo inicial que tiñamos localizado a comezos de semana, que xa nos daba uns 25 contaxios nos últimos catro días, isto fixo que os datos da Estrada, que estaban totalmente controlados, comezaran a chegar a cifras preocupantes. Pasamos de nivel laranxa a nivel vermello en contaxios nos últimos sete días. Decidimos xunto co centro de saúde e en cooordinación co Sergas organizar en 24 horas este despregamento", di o alcalde da Estrada.
A preocupación entre os veciños pola situación epidemiolóxica da zona é máxima.
Dous equipos de enfermería do Servizo de Medicina preventiva realizan a toma de mostras para as PCR.
O resultado da mostra recibirano telefonicamente nas vindeiras 24 ou 48 horas.

Noticias web

14/11/2020