Cribado masivo para poñerlle freo ao virus en Vimianzo
O concello ten nestes momentos once casos activos, un menos ca onte, pero cunha poboación de menos de 7.000 habitantes, a cifra implica unha incidencia acumulada próxima aos 160 puntos.
"Hai dez días estabamos entre un, dos, tres casos pero espezamos a subir un pouquiño. A semana pasada creo que estabamos en oito casos. Informáronme de que era un gromo localizado nunha mesma familia, pero loxicamente estamos moi pendentes", indicaba a alcaldesa.
Varios veciños comentáronnos que xa temían que as festas pasasen factura.
"Logo da Semana Santa xa se vía vir", afirmaba unha muller. "Creo que non somos aínda conscientes ao cen por cento", admitía outra.
Ao cribado chamaron todos os residentes de entre 40 e 50 anos. En total, máis de 950 persoas. "Non estamos tan mal pero hai que vir aos cribados polo ben do pobo, para evitar que suba moito máis", dicía un veciño.
"É importante que se fagan estes cribados de prevención para evitar que o virus siga crecendo", puntualiza outra participante. "Este é o terceiro ao que veño. Fixemos dous aquí e outro na Casa da Cultura", explicounos outro dos convocados.
As autoridades locais confían en que non teñan que impoñerlles máis restricións e pídenlles moita prudencia aos veciños.