CRTVG

Buscar

Cribado masivo en Sarria para intentar acoutar o gromo e evitar máis restricións

Publicado o 28/06/2021 21:10

Un gromo vinculado a celebracións disparou a incidencia en Sarria ata convertelo no único concello galego en nivel alto de restricions. Este luns 700 veciños acudiron voluntariamente facer unha PCR preocupado pola súa saúde e pola economía do concello se os perimetran.

"Despois dun ano e medio de paralización económica, isto fai un atraso nun momento en que se estaba producindo un arranque importante vinculado ao Camiño de Santiago e á hostalería", asegura o alcalde, Claudio Garrido.

E é que, como pasou en Sarria os gromos son cada vez máis numerosos. Unha festa de amigos causou unha vintena de contaxios no concello de Carnota. Outra en Chantada suma unha decena de positivos.

"Nesta situación en que hai un proceso de desescalada, que se permiten reunións de grupos máis grandes e hai variantes que teñen máis risco de contaxio a probabilidade de ter gromos máis intensos e con máis número de persoas é maior", explica Pedro Rascado, intensivista, membro do comité clínico e responsable do plan de continxencia contra a covid.

A idade media dos contaxiados baixa a 35 anos. E aínda que a xente nova adoita pasar a infección sen síntomas ninguén está libre de enfermar de gravidade. En Galicia hai agora un paciente de covid na UCI que só ten 22 anos.

Noticias web

28/06/2021