CRTVG

Buscar

Cribado masivo en Ourense ante a elevada taxa de contaxios

Publicado o 23/01/2021 16:36

O concello de Ourense amenceu hoxe con 841 casos activos. 77 máis ca onte. A incidencia a catorce días está en preto dos 800 casos por cada cen mil habitantes. Por iso durante toda a fin de semana milleiros de persoas están chamadas a participar neste cribado masivo na cidade. As cifras de contaxios en Ourense non paran de medrar nas últimas semanas.

"Exponencialmente foi subindo, non paulatinamente, senón dun xeito explosivo, cremos que debido ás reunións familiares despois do Nadal se deu este caso. Reláxaste, pensando que non vai pasar nada, ata que nos levou á situación na que estamos", explica Ana Gómez, enfermeira e coordinadora dos cribados na área de Ourense.

E a situación non é boa. Hai preocupación entre os ourensáns que hoxe participaban no cribado.

En total na área sanitaria de Ourense, é decir, en toda a provincia, houbo 179 contaxios novos nas últimas 24 horas. Son case 2.600 os casos activos. E increméntase a presión hospitalaria: Hai 141 persoas ingresadas e 12 delas precisan coidados intensivos. Tras o de Ourense, os municipios de Xinzo e Verín son os que a día de hoxe rexistran un maior número de casos.

Noticias web

23/01/2021