Cribado a 700 veciños de Vilardevós na procura de asintomáticos
Con dez casos activos sobre unha poboación de 1.900 habitantes, este concello de Vilardevós é un deses cinco municipios galegos que está en risco extremo e co nivel máximo de restricións. Teñen unha incidencia acumulada a sete días de 277 casos por cada cen mil habitantes, unha cifra que sobe ata 555 a dúas semanas. Hoxe realizan aquí este cribado a 700 persoas, veciños e veciñas do municipio, na procura de asintomáticos.
O luns eran cinco casos, o martes sete, e xa onte contabilizaban dez. Dous gromos familiares en senllas aldeas do municipio fixeron entrar a Vilardevós no nivel máximo de restricións.
"Na nosa aldea, que pertence aquí o concello, xa hai varios casos."
" Parece que hai poucos contaxios pero medo sempre hai que telo...se sabes que da algún veciño, pois xa..como nos pasou neste caso a nós."
A alta incidencia do virus levou as autoridades sanitarias a convocar a setecentos veciños e veciñas a un cribado.
" Un pouco preocupadas ata que saian os resultados do cribado, esperemos que saia ben. Son dous gromos familiares en principio polo que escoitamos, e bueno, os que temos negocios preocupados, porque todo afecta, todos dependemos de todos."
A pasada madrugada entraban en vigor as restricións máximas. Todo o que non sexa esencial está pechado e non se pode entrar nin sair do municipio sen causa xustificada.
" Eu traballo nun bar e de feito témolo pechado. Abrimos dúas semanas e volvimos pechar."
"Coas restriccións todas, unha ruína para todos. Esperemos que non sexa moito tempo, cabeciña todos, e ser responsables."
A evolución epidemiolóxica nas próximas xornadas será a que determine a duración das medidas. Os resultados do cribado, o que acodiron o 74 por cento dos convocados, coñeceranse a partir de mañá.