CRTVG

Buscar

Créditos por valor de mil millóns para mellorar infraestruturas das rutas xacobeas

Publicado o 17/06/2019 14:37

CaixaBank comprométese neste acordo a habilitar mil millóns de euros en créditos para os aloxamentos turísticos vencellados ao Camiño de Santiago. Deses mil millons, 950 serán para mellorar e modernizar infraestruturas, e outros 50 serán microcréditos para favorecer a creación de negocios que amplíen os servizos nas localidades polas que pasan as rutas xacobeas

Segundo Cultura, o proxecto beneficiará os 130 concellos polos que pasan as rutas xacobeas, preto do 45% dos concellos galegos.

"Concellos na súa maioría de carácter rural en que o seu maior estímulo económico e laboral é a existencia do propio Camiño. Queremos fixar poboación e xerar emprego e riqueza", di Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo

CaixaBank comprométese a abrir dúas liñas de créditos, unha de 950 millóns de euros para empresas que queiran acometer melloras e outra de 50 millóns para microcréditos que axuden a crear novos servizos e fomentar o emprego.

"Microcréditos cun carácter social, posto que se dirixen a persoas que non teñen fácil acceso a mercados de financiamento tradicionais. Son préstamos sen garantías adicionais nos que o único aval que se solicita é unha idea de negocio viable", explicou Emilio Barreiro, delegado territorial de CaixaBank en Galicia.

O conselleiro de Cultura anunciou que se están negociando convenios con máis empresas para ofrecer tanto no ano santo coma despois os mellores servizos posibles.


 

Noticias web

17/06/2019