CRTVG

Buscar

Crece o gromo no centro para discapacitados de Chapela, con 11 novos casos

Publicado o 19/08/2021 12:24
Crece o gromo no centro para discapacitados de Chapela, con 11 novos casos

O número de casos de covid en centros de discapacidade de Galicia repuntou ata os 57 (6 máis que na xornada do mércores), tras confirmarse 11 novos positivos no CAPD de Chapela-Redondela, e tras recibiren o alta 5 usuarios do Fogar e Clínica San Rafael de Vigo.

Segundo informaron este xoves fontes da Consellería de Política Social, nas últimas horas confirmáronse 11 novos casos de infección por coronavirus no centro de Chapela (a maioría de novos contaxiados xa deran positivo en test de antíxenos e estaban á espera da confirmación mediante PCR), de maneira que son 48 os usuarios con covid. Pola contra, o número de casos no Fogar e Clínica San Rafael de Vigo baixou de 14 a 9, despois de recibiren o alta epidemiolóxica 5 dos seus usuarios contaxiados.

Con respecto ás residencias de maiores de Galicia, o número de casos baixou a 101, despois de que, nas últimas horas, foran retirados do cómputo por negativizar 8 usuarios da residencia Val de Monterrei, e engadiuse outro caso, na residencia DomusVi Matogrande da Coruña. Nese cómputo hai que ter en conta que, nas últimas horas, notificouse o falecemento de dous usuarios: unha muller de 85 anos que morreu na residencia de maiores de Ribadeo e un home de 83 anos que faleceu no Hospital de Verín, que era usuario da residencia Val de Monterrei.

As Gándaras de Lugo é a residencia galega con máis casos, 50.

 

Noticias web

19/08/2021