CRTVG

Buscar

Creba o grupo de viaxes Thomas Cook e deixa 600.000 turistas atrapados en todo o mundo

Publicado o 23/09/2019 20:17

Final amargo das vacacións para 600.000 persoas en todo o mundo. Son os turistas que contrataran viaxes con Thomas Cook e que este luns espertaban nos seus hoteis coa nova da creba da compañía.

"A pesar dos esforzos dos últimos meses, non fomos quen de salvar o negocio", explicaba un atribulado Peter Fankhauser, director xeral da axencia de viaxes.

Thomas Cook operaba en 16 países: España era o seu principal mercado. Só nas Canarias, hai 30.000 afectados. No arquipélago canceláronse 11 voos, e outros 24 nas Baleares. O Goberno británico fretou 40 avións para trasladar os seus compatriotas.

Downing Street farase cargo dos 150.000 británicos varados en destino turísticos en todo o mundo, o meirande esforzo de repatriación desde a segunda guerra mundial.

O sector turístico español será outro dos damnificados. Sergio Dávila, de IG Markets, di que "a curto prazo, son cancelacións que van supoñer un custo de diñeiro para as compañías españolas e, sobre todo, para a hostalería e o conxunto do sector servizos en toda España".

Con 178 anos de historia, Thomas Cook é a axencia de viaxes máis antiga do mundo e a segunda máis importante. Ten 200 hoteis, 105 avións propios e 22.000 empregados. Os cambios nos hábitos dos viaxeiros lastraron o seu modelo de negocio nos últimos anos. Arrastraba unha débeda de 1.200 millóns de euros. Esta fin de semana, a negativa dos bancos a refinanciarlle 270 millóns e a decisión do Goberno de Boris Johnson de non rescatala precipitaron o seu peche.

 

 




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019