CRTVG

Buscar

Crean unha escultura de 3 metros feita cunha motoserra na Estrada

Publicado o 28/01/2020 14:43

Un neno que inocentemente rega os pés para ver se enraiza como as plantas que ve na aldea. Unhas raíces que o entroncan cos seus antepasados. E a man do meniño que agroma como unha árbore con eses coñecementos ancestrais. María e Uxío colocaron esta peza de título Raíces na casa familiar Terra de Rebolos, na Estrada, como símbolo do seu apego e compromiso coa terra.

O seu amigo e escultor Borja Blanco buscou un tronco de piñeiro do país dun metro de diámetro para facer realidade a idea que tivo en mente desde o primeiro momento. Tres metros de madeira esculpidos con motoserra durante case un mes que locen impoñentes no patio.

A distancia ensinoulle a Borja, residente en Italia, a aprezar a terra e os vellos da súa infancia inspirárono nesta peza. Xustamente, o apego ás raíces e á súa procura é a base do proxecto Maruxío, da Casa Terra de Rebolos, que inclúe obradoiros de mindfulness, alugueiro de cuartos e talleres para nenos canda a comercialización de galletas ecolóxicas ou mexillóns da Arousa.

A escultura simboliza á perfección este proxecto colaborativo de Terra de Rebolos, de traballo en común con outras persoas, que intenta recuperar o noso rural, a súa sabedoría, antes de que sexa tarde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2020